O MISTERIO DO CALENDARIO
Domingo,
29 de marzo
A que o botades de menos...?
Estades a seguir as
recomendacións do profe Manuel para as actividades de Educación Física? Eu
trato de poñelas en práctica un ratiño todos os días, e pódovos asegurar que
molan un montón e que son unha forma moi doada e imaxinativa de facer exercicio
sen saír da casa. Ás veces ata facemos competidísimos retos entre a familia!
Incluso Thor se anima a participar!
Pero ese cheiro a
vestiario, eses nervios de antes do partido, ese choque de mans cos compañeir@s,
ese grito de guerra antes de saltar á cancha, os aplausos do público, a alegría
dun gol ou dunha tripla, ese devorar quilómetros coa bici, ese levantar os
brazos ao chegar á liña de meta ou esa man, ou esa aperta que lle damos aos
rivais cando remata o partido... A que o botades de menos? Volveremos a soñar
con goles pola escuadra, canastras incribles, quilómetros percorridos, voleas de
revés á liña, carreiras competidas, adversarios, saber gañar, saber perder,
discutir co árbitro, alegrarse, enfadarse... porque todo iso é ...DEPORTE!
Luns,
30 de marzo
Mirade onde estaba hoxe o
calendario. Recoñecedes o que vedes na foto? Igual sodes moi novos e non vos
sona de nada. É o meu vello aparato de música. Debe ter coma uns trinta anos e aínda
funciona! Seguro que ás vosas nais e aos vosos pais si que lle sona. Nunca
virades un destes? Daquela era una revolución nos fogares. Prato de vinilo,
sintonizador de radio, dobre casete con sistema de gravación, ecualizador e
lector de CDs. Toda unha marabilla da técnica!!! Agora todo iso témolo en
aparatos moito máis pequenos que o calendario viaxeiro.
Que importante é a música
nas nosas vidas! Sabedes alguén a quen non lle guste?
Nestes días de encerro escoitamos
nos telexornais noticias de xente que sae a cantar ao balcón para entreter aos
veciños, ou xente que pon música a tope pola fiestra e moitas cancións que saen
do confinamento. A música relaxa, alegra, altera, acompaña, cambia o ánimo,
faite chorar... é unha compañeira importante do noso estado, do noso sentir, de
como nos atopamos. E nestes días non podería ser doutro xeito... Escoitemos
música, toquemos instrumentos, fagamos coros de balcón, bailemos, cantemos ata
rachar a gorxa... xa veredes que liberados nos sentiremos!!!
Hoxe quero deixarvos con
música. Pídemo o corpo. É dun dos meus grupos preferidos e unha das miñas
cancións de toda a vida. Pero acompañado de rapaces, o que o fai aínda máis
bonito. Si, dixen rapaces. Que raro, non? Non hai voces femininas. Un pouco estraño,
tal vez? O que pasa é que está gravado nun colexio de Vallecas, en Madrid, que
se chama Tajamar. É un centro concertado de educación diferenciada que só ten
alumnos.
Pero o importante é o que conta a canción e a mensaxe
que nos deixa!!! Xa me diredes se vos gustou...(CONTINUARÁ...)
Un himno a la esperanza, Los Secretos, "Pero a tu lado".

