O MISTERIO DO CALENDARIO


Venres, 27 de marzo
Mirade onde apareceu hoxe o calendario... Claro, segue a intentar comunicarnos algo. Semella ser como a voz da nosa conciencia que nos repite unha e outra vez o que podemos ou debemos facer nesta situación na que nos atopamos.


Que importancia ten este aparello nas nosas vidas!!! A gran maioría da xente xa non sería capaz de vivir sen el. Neste momento está a ter un imprescindible papel. COMUNICÁMONOS. Si, grazas a este trebello máxico podemos comunicarnos e saber que pasa neste mundo máis alá das nosas catro paredes. Grazas a este trebello podemos traballar ti e máis eu, e falar ou ver á xente que queremos, ou facer a compra sen saír da casa, ou socializar un rato, evadirnos, escaparnos... e na medida do posible darlle á vida un aire de “normalidade” que nos foi roubado por ese microscópico ser...

Sábado, 28 de marzo
Tendes idea de onde está? Sabedes que son todos eses  pequenos envases que ten arredor? Vouvos contar un segredo de familia.
Dende moi pequeno alguén desta familia tiña o raro costume de traer un obxecto que lle recordara os sitios onde estiveramos de viaxe ou de vacacións. Un recordo, vamos, pero non algo mercado, senón algo máis persoal e orixinal, significativo daqueles lugares que algún día visitara. Como o de andar roubando non era unha opción, pois deulle por coleccionar eses botes pequenos de xampú ou de xabón que nos deixan de cortesía nos baños de moitos hoteis. De cada hotel onde parabamos, levaba de recordo un deses recipientes. E pouco a pouco foi engordando a súa colección. Hoxe, facendo limpeza no seu cuarto, atopou unha morea deles e estivemos a adiviñar de que sitio era cada un. Foi como facer unha viaxe ao pasado, a un pasado de goce, de risas, de ledicia, de descanso, de turismo, de sol, de neve... que agora mesmo é imposible. Creo que o calendario nos está a recordar que máis pronto que tarde volveremos viaxar e desfrutar fóra coa familia, que isto non vai durar sempre... E polo contido dos botes, penso que tamén nos lembra a hixiene máxima nestes días.


Recordade lavar as mans moitas veces no día!!!

(CONTINUARÁ)

Entradas populares de este blog

Lengua Castellana, Natural Science 4º (24 de Marzo)

Festa dos Maios en Galicia