O MISTERIO DO CALENDARIO
Ola de novo a todas e a
todos. Que tal estes catro días de encerro sen tarefas e traballos dos pesados
dos profes? Seguro que vos aburristes e que estabades desexando que chegara
hoxe para facer novas actividades, non si?
Pensastes no que vos
pedín o pasado mércores? Preciso ideas, opinións, criterios, xuízos, teorías,
especulacións, cábalas, conxecturas... calquera cousa que me axude a resolver
este enigma.
Pero antes de dicirme
algo quero que prestedes atención. Explícovos que pasou nestes últimos catro
días, por se vedes que todo isto vai cobrando algún sentido.
Apetéceme contárvolo en
forma de diario...
Xoves,
19 de marzo
Hoxe atopeime cun agasallo no meu escritorio. Un
bonito papel cunha notiña que dicía “Feliz día, papá”. Pensei que sería cousa
do meu fillo, coma o primeiro día, pero non. El, seguindo as instrucións da
profe de plástica, e seguramente como fixestes moitos de vós, construíra un
fermoso coche vermello de carreiras que me fixo moita ilusión.
Pintoulle o número 23, que é o meu número preferido. Era o que levaba na camiseta do meu equipo cando me retirei do fútbol hai xa uns anos. Non, non era do meu fillo.
Pintoulle o número 23, que é o meu número preferido. Era o que levaba na camiseta do meu equipo cando me retirei do fútbol hai xa uns anos. Non, non era do meu fillo.
Era o misterioso
calendario...
Venres,
20 de marzo
É a primeira vez que atopo o calendario fóra da casa.
Alí, na horta, no medio dunha mata de margaridas apareceu o condenado. Isto
desconcértame aínda máis. Que terá acontecido hoxe para tal cousa? Que pensades
vós que pode ser?
Sábado,
21 de marzo
Busquei no mesmo sitio de
onte, pero nada. A horta é bastante grande e ten moitos sitios onde agocharse,
polo que decidín que non estaba disposto a xogar ás agachadas. Tiña cousas máis
importantes que facer. Apetecíame ler un bo rato, a ver se apartaba da miña
mente todo este lío. Total, xa aparecería onde menos o esperara. E se non
volvía a aparecer, case mellor. Xa empezaba a estar un pouco farto desta
situación!!!
O salón pequeno é o meu refuxio favorito. Alí teño o
meu espazo. Dúas amplas fiestras que me dan toda a luz que preciso, mesa de
traballo, música, ordenador, libros, televisión e un cómodo sofá. Case que
podería vivir sen saír de alí. E alí foi onde apareceu...
Domingo,
22 de marzo
Hoxe atopeino sen
buscalo. Case diría que estaba a esperar por min. Levanteime cedo, porque cando
me preocupa algo, empezo a dar voltas na cama e non son quen de durmir máis. Na
casa había un silencio absoluto, e da rúa tampouco chegaba ningún son. Ben, de
cando en vez escóitanse os ronquidos de "Thor", o meu can, que durme pegadiño á
porta que dá a horta. É todo un personaxe. Algún día presentaréivolo. Eu digo
que é o can máis vago do mundo, que pasa máis horas a durmir que esperto, e que
inda por riba, ronca coma un tractor dos vellos.
Fun asearme antes de
almorzar e ao entrar no baño para lavar a cara, alí estaba...
A ver se sodes quen de
explicarme por que apareceu cada un destes días en sitios tan distintos, se lle
atopades algunha lóxica ou algún sentido. Estará querendo dicirme algo? Será
unha especie de mensaxe? Quizais a solución ao misterio estea máis cerca do que
pensamos...




